ENCONTROS OFF

Os encontros “Off” son unha proposta de acción directa no eido da programación cultural e a acción artística galega, que xorde de xeito colectivo integrando diferentes axentes procedentes das artes plásticas, as artes escénicas, o mundo editorial e o mundo audiovisual en Galicia.

Fronte ás políticas culturais do evento, da industrialización e da espectacularización cultural os encontros “Off” apostan polo fortalecemento e a creación dun tecido artístico profesional que teña a capacidade de xestionar, producir e distribuír de xeito autónomo as súas creacións ou de relacionarse de xeito horizontal cos xestores, produtores e distribuidores culturais.

O posicionamento metodolóxico destes encontros parte da adopción dunha estratexia “espello”, segundo a cal cada novo encontro “Off” adapta a súa estrutura e formato tomando como referencia o plantexamento do evento, acto, ou programa oficial ao que fai reflexo. Deste xeito preténdese poñer en evidencia as distintas políticas e modelos de creación e produción cultural que promoven os eventos programados dende a oficialidade, imitar a linguaxe e o estilo das súas convocatorias modificándoos segundo as necesidades reais de colectivos e persoas partícipes da cultura (que estas esquecen, omiten ou descoñecen), aproveitar os recursos e a capacidade de difusión de propostas con acceso a grandes orzamentos e canais de distribución e avaliar os criterios e relacións de poder que favorecen dita maior accesibilidade.

I ENCONTRO OFF

O primeiro dos encontros “Off” tivo lugar o pasado 7 e 8 de setembro en Santiago de Compostela coa colaboración da USC a través de Baleiro, dando lugar ao I ENCONTRO OFF DE CREADORES NOVOS “CULTURA DE CIDADE”, DIÁLOGO ABERTO SOBRE CREACIÓN CONTEMPORÁNEA, no que participaron entre outros Baleiro, Escoitar, Desordes Creativas, Culture Workers, Briggite Industrie, Amalgama, Episodio Piloto, Fumboa Escénica, CIA Cisma, Traspediante, o Grupo de Investigacion da USC Canles Alternativos de Creación, Producións Audiovisuais Volta, Alga e Universidade Invisivel. En paralelo ao I Encontro de artistas novos “Cidade da Cultura”, diálogo construtivo sobre arte contemporánea, que mediante lista pechada, se celebrou en Santiago de Compostela do 4 ao 9 de setembro na Cidade da Cultura, o I Encontro Off ofreceu un espazo de traballo para que creadores locais, nacionais e internacionais puideran reflexionar de xeito público, aberto e colectivo sobre a arte, a cultura contemporánea e as súas problemáticas.

Durante os dous dias do I Encontro Off, Baleiro albergou unha serie de presentacións dos colectivos participantes no encontro e tres mesas de traballo que, como resultado, deron lugar á constitución dun Observatorio de Calidade das Prácticas Artísticas na Comunidade Autónoma de Galicia, á elaboración dunha proposta de creación dun banco común de recursos para axudar á produción e desenvolvemento de propostas creativas colectivas, á creación dun mapa do poder da arte en Galicia (un sistema de visualización das relacións dos partícipes da cultura en Galicia) e a proposta de celebración dun segundo encontro “OFF” durante o Culturgal en Pontevedra. Paralelamente, no contexto do evento, organizouse unha programación nocturna complementaria que se desenvolveu no bar e espazo sociocultural a Ghentalla do Pichel, acollendo actuacións, performances e concertos dos participantes.

Deste xeito o I Encontro Off permitiu ofertar unha programación cultural alternativa de extraordinaria calidade tanto aos asistentes ao encontro oficial como aos asistentes ao encontro “OFF”. Como espazo aberto e interdisciplinario, o evento constituíu un lugar para a difusión de propostas locais e un laboratorio de intercambio, traballo e reflexión sobre aspectos esenciais da creación artística, da súa produción e da súa proxección no mundo mediante a construción crítica, colectiva e profesional de novas políticas culturais que sexan posibilistas, que estean baseadas na realidade e que procuren a dinamización do tecido cultural de base existente.

II ENCONTRO OFF

Continuando co xeito de facer do I Encontro Off de artistas novos da Cidade da Cultura, o martes 8 de novembro convocamos á comunidade OFF ao visionado colectivo da retransmisión streaming e posterior debate sobre a xornada de apertura do I Foro Internacional de Espazos para a Cultura (IFIEC), que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre os días 8 e 10 de novembro. Tivemos ocasión de reflexionar con Baleiro, Culture Workers, @ahiebra, Episodio Piloto, Rede Nasa e Pista 5 sobre a existencia real dunha industria cultural, en Galicia, capaz de sosterse a sí mesma e preguntarnos por qué se é que existe, a Feira máis importante de dita industria, o CULTURGAL “Feira das industrias culturais” ten únicamente patrocinios públicos.

Como proposta de traballo que xa quedara plantexada nas sesións do primeiro encontro, nesta ocasión afrontamos a construcción colectiva dun mapa físico de relacións de poder do sector cultural en Galicia. Para elaborar este mapa de poder, comezamos a debuxar as relacións persoais e profesionais dos principais axentes culturais, empresariais e insitucionais cos que estamos en relación.

A esta primeira fase de traballo seguiralle unha segunda na que incluirnos a nós mesmos e as nosas relacións e posicións de poder no mapa do eido profesional da cultura e dixitaliza-la información xerada de maneira que sexa posible a construcción dunha base de datos sobre os axentes culturais da nosa entorna.
Tamén podedes atopar no blog “Diacrítico” de Adrián Hiebra, un relato máis da xornada OFF.

III ENCONTRO OFF
CULTURGAL OFF FEIRA IMAXINARIA

O terceiro dos Encontros Off: Culturgal Off. Feira Imaxinaria ten lugar na Facultade de Belas Artes de Pontevedra os días 1 e 2 de decembro de 2011 en paralelo ó Culturgal 2011 Feira das Industrias Culturais que do 2 ó 4 de decembro celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Neste III Encontro participaron os axentes culturais e colectivos de produción e creación artística Baleiro, Culture Workers, Escoitar.org, Alg-a Lab, Universidade Invisibel, Teatro Resoante, Funboa Escénica, Axóuxere Editora, Amalgama, Episodio Piloto, Madame Cell, Olholivre, Xeneratech, Action Cover Party, Revista Núa, Plétora, Inversa Teatro, Juanma Lodo e Milena Principle.

Seguindo a organización espacial e conceptual do Culturgal oficial o Culturgal Off Feira Imaxinaria estructurouse en torno ás seguintes áreas ou seccións: Feira, Foro e Actividades.

Feira
A Feira Imaxinaria celebrouse durante a mañá do primeiro día do encontro nos corredores da Facultade de BBAA e contou coa presenza de Axóuxere Editora (Rianxo) Alg-a Lab, (Valadares, Vigo) Inversa Teatro (Santiago de Compostela) e Baleiro (Santiago de Compostela).

Neste espazo, os “feirantes” tiveron ocasión de expoñer e compartir a súa produción entre eles e co alumnado de BBAA que se achegou a coñecer estas propostas ou a solicitar información cumprindo a función dunha primeira toma de contacto co contexto.

Foro
O Foro, deseñado coma un espazo de experimentación colectiva no que durante os dous días do encontro puidose intercambiar coñecementos técnicos e teóricos contou coa presentación de diversos traballos colectivos e proxectos persoais e a súa posterior posta en conexión, debate e sesión de dúbidas e aportacións nas diferentes mesas de traballo que tamén constituiron o espazo comunitario do Foro.

Presentacións

GZImaxinaria cooperativa (Man Hauser e Ignacio Muñoz membros do equipo promotor): Proxecto de constitución dunha cooperativa de produción cultural que xorde do tecido asociativo e creativo en GZ e aúna liñas de investigación tan diversas como a arte, urbanismo, permacultura, medio rural, open tech ou crítica institucional. Gzimaxinaria trata de vencellar estas disciplinas en torno á problemática da relación entre a economía e as nosas formas de vida. GZImaxinaria constituiría a posibilidade de crear un Banco de Recursos común, unha Rede de Espazos colectivos e unha Canle rtv ou net.tv coma servizos para os seus socios e socias ademáis de ofrecer servizos de edición, distribución ou edición de proxectos culturais.
Cousateca (Mark, activista, Valencia): Proxecto de creación dunha normativa de partillamento de cousas que poidan distribuirse segundo os protocolos establecidos entre unha comunidade determinada de persoas (colectivo de colectivos, comunidade de veciños, manada, comunidade profesional, etc) baseada nas políticas do software libre aplicadas ós obxectos reais e a súa propiedade que vai máis alá do troco a prol dunha universalidade da propiedade dun ben ou bens determinados. Estudo dos diferentes “casos”, solución de posibles conflictos e elaboración dun formulario para comezar a inventariar os bens que estaríamos dispostos a partillar coma “comunidade off”.
Plataforma Artes Escénicas (Inversa teatro): Alternativa xurdida de diversas asambleas en torno ó asociacionismo como saída ó desmantelamento cultural que está a azotar a toda Galicia. Varias iniciativas colectivas coma Asamblea de Escena Galega (Asociación de Actores, Danza, Magos e Ilusionistas, dobraxe, míusicos… etc) e Comunidades creativas Agora tratan de poñerse dacordo sobre qué accións e posicións defender dende o convencemento da necesidade da cooperación coma saída ós problemas de financiamento, precariedade e negociación coa Administración. Esta iniciativa pretende xerar puntos de encontro para todas aquelas compañías, editoras ou colectivos que se atopen na mesma situación a través da reinvindicación da toma de espazos públicos e a da necesidade da existencia de máis espazos intermedios entre o oficial e o marxinal.
Axóuxere Editora (Rafa Xaneiro e Roberto Abuín, editores): Iniciativa editorial adicada ó pensamento contemporáneo que trata de reflectir a complexidade do momento que estamos a vivir, centrada no enasio como proposta, non tanto para buscar solucións, senón para xerar unha análise textual que permita vislumbrar sendeiros posibles. Axóuxere é un proxecto que está alén do editorial e que defende un claro obxectivo: potenciar a reflexión mediante a revisión do que sería unha crítica unidireccional, como estratexia, evitando así pertencer ás luitas dialécticas que favorecen o mantemento do sistema actual.
Rural Brutal (Daniel López, Victor Pérez e Ania González, Baleiro e Culture Workers): Proposta dunha liña de traballo sobre o compoñente brutalmente rual da nosa sociedade, comunidade e territorio en torno a que facer xirar diferentes procesos de produción: obra artística, textos, eventos, exposicións, etc.. que asuman o contexto ”rururbano” galego como lugar para unha estética contemporánea (máis alá do urbano e o tradicional).
Plétora (María Marco, editora): Presentación da nova publicación online sobre arte contemporáneo dirixida por María Marco en colaboración con Mauro Trastoy. Esta publicación xorde coa intención de crear para un lector coñecedor da arte co obxectivo de que afonde nos proxectos dos artistas. Plétora estará centrada máis que nunha produción textual, no portafolio, na creación visual específica para cada edición, terá unha estructura moi sinxela cunha editorial en cada número e artículos ou traballos de artistas descarregables en pdf; é un proxecto autoxestionado, sen ánimo de lucro e coa idea de crear contexto crítico.
Unpack (Man Hauser, Alg-a Lab): Proxecto presentado a verkami, plataforma de microfinanciación (croundfunding). Trátase dun vehículo de 7 prazas preparado con cámaras e sensores para que o coche configure unha viaxe modificada experiencialmente a través das reaccións e as sensacións dos ocupantes.
The Milena Principel (Vermeire Geert, artista): Proxecto de creación, investigación e intervención localizado en Bélxica con colaboradores en Alemaña, Francia e España (escoitar.org). Este equipo multidisciplinar traballa alén das fronteiras entre a cultura, a arte, a ciencia, a tecnoloxía e a filosofía nun intento de reactualizar o movemento que se produxo en Flandes no Renacemento, cando artistas e cienctíficos desplazábanse e viaxaban para se comunicar e expandir os seus coñecementos.
Revista Núa (Julio, editor) Publicación adicada á reflexión, ó proceso e a creación escénica. Conta cun equipo formado por Diana Mera, Zaida Gómez, María Roja e Julio. Revista artesá, autoeditada e autofinanciada que publica en galego aínda que os autores non pertenzan a este ámbito territorial, como posicionamento respecto ó idioma. Cada presentación da revista está asociada coa presentación doutros traballos de creación en proceso que en cada número, prográmase nun espazo distitnto.
Adlántida rtv (Berio Molina e Geegska, Escoitar.org e Olholivre): Seguindo coa proposta presentada durante o I ENCONTRO OFF, en Setembro, Adlántida rtv actualiza o seu proceso de traballo “in progress” co obxectivo de presentalo á plataforma de crowdfunding GOTEO. Adlántida rtv, coma televisión online baseada nun servidor streaming e nunha biblioteca na que as usuarias terán unha canle propia que poderá ser incrustada no medio de cada usuaria que mediante un rss poderá publicar toda a súa actividade, tamén contará cunha canle na que haberá unha grelha de contidos.
N-1 (Mark, activista, Valencia): Rede social constituída con software libre. Navegación e usos.

Mesas de traballo:
Constituíronse, neste III Encontro Off, 3 mesas de traballo que continuaron coa construcción e desenvolvemento das propostas xurdidas das mesas do I Encontro Off: Información, Calidade e Acción. Nesta ocasión as mesas de traballo estiveron adicadas ó Banco de recursos, ós Servizos culturais dunha posible cooperativa e á formación de equipos de traballo que atendan ós diversos proxectos que dentro da comunidade off estanse a desenvolver.

Actividades

A sección de actividades na que estaba programada a edición galega do festival de performance “Action Cover Party” non tivo lugar por mor da falta de resposta á convocatoria aberta a participar coa revisión e actualización de performances clásicas no espazo Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

IV ENCONTRO OFF ECONOMÍA Y CULTURA

CONVOCATORIA
Convócase o IV Encontro Off como resposta ao Encontro Internacional de Economía e Cultura. O encontro terá lugar os vindeiros 16 e 17 de febreiro en *Baleiro*, espazo anexo á Facultade de Filoloxía da USC en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, a comunidade Off fai de espello ao Encontro Internacional de Economía e Cultura que nas mesmas datas terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

O Encontro Off Internacional de Economía e Cultura afronta o reto de pór en cuestión a relación entre Cultura e Empresa, suspendendo toda posible vinculación que non pase a través dunha comunidade ou, mellor aínda, un procomún, que mude os parámetros de produtividade, explotación e eficiencia aos que aínda está somentida esta relación e que imperan no chamado “capitalismo cognitivo”. Economía e Cultura non se vencellan ao marxe das nosas formas de vida, antes ben, a súa relación nun novo ámbito común é se cabe a única saída ou resposta á separación biopolítica á que están forzadas.

Ao longo de dúas xornadas estudaremos a viabilidade doutras economías posibles, o uso de moedas alternativas ou a aplicación de fórmulas cooperativas no ámbito cultural. Haberá oportunidade de coñecer experiencias e iniciativas doutros campos e outros contextos e, coma sempre, un tempo e un espazo para a presentación de proxectos, ideas, etc. aberto a tódolos participantes. Veremos o que ocorre no encontro oficial (vía streaming) e ensaiaremos ademáis, a través dun xogo, a viabilidade dun Fondo de Inversión Cooperativo tomando como exemplo os proxectos que se presenten nas xornadas.

Por último a convocatoria do IV Encontro Off nclúe a participación na programación lúdica nocturna que terá lugar durante os días 16 e 17 de febreiro entre as 21 e as 23 horas. Se estades interesados en participar cunha pequena actuación ou presentación de espectáculo musical, visual ou escénico podedes incluir no voso mail de inscripción a vosa proposta.
Prazas: Ilimitadas
Inscripción: Envía, ata o 12 de febreiro, mail a encontrosoff@gmail.com indicando: nome, descripción da túa actividade/proxecto e orzamento da mesma se queres participar no xogo de inversión. Se estás interesado en participar na programación lúdica nocturna indica a túa actividade, duración da actuación e necesidades técnicas ou materiais.
Lugar :Baleiro, canle de produción. Anexo subterráneo da Facultade de Filoloxía. Avda Castelao s/n. Campus Norte Santiago de Compostela, 15782 Telf 981 563 100 ext 11178
Prezo: O €

PROGRAMA

XOVES 16
10:00 Asemblea organizativa
10:30 Conexión co Encontro Internacional de Economía e Cultura da Cidade da Cultura: Presentación do informe Datos da Economía Creativa: Consello da Cultura Galega e Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais).
11:00 Debate
12:00 Presentacións: redes e ferramentas comunais I: Moedas alternativas (Mark) e visionado vídeo-documental comentado por Mark coa colaboración de Gustavo Sanromán (Alg-a Lab), Summer of Labs (Beka, Olholivre)
13:30 Pausa e comida
16:00 Presentacións: redes e ferramentas comunais II: GZImaxinaria cooperativa, Fiare (Banca ética), Un couce á saia
18:45 Conexión Encontro Internacional de Economía e Cultura da Cidade da Cultura: Pecha Kutcha
19:30 Presentacións: Outros modelos de organización económica en Galicia: andaime engheneria social e cultural, Habitat Social cooperativa.

VENRES 17

10:00 Asemblea organizativa
10:30 Xogo participativo: Fondo de inversión para proxectos culturais. [máis info]
13:30 Pausa e comida
16:00 Presentacións; Beka (Arco Atlántico) Procomún e cooperación: Rubén Martínez (Yproductions), Juan Freire, Miguel Prado, Man Hauser…
18:30 Pausa e café
18:45 Debate, conclusións e toma de decisións sobre as seguintes accións.
21:00 Programación lúdica nocturna na Gentalha do Pichel: Compañia LIcenciada Sotelo, Hedonistas, Traspediante e Madamme Cell+ Pablo Orza

PARTICIPANTES

Baleiro: http://www.baleiro.org/
Olholivre: http://olholivre.net/
Alg-a Lab: http://www.alg-a.org/
Culture Workers: https://cultureworkers.wordpress.com/
Universidade Invisibel: http://invisibel.net/
Madamme Cell: http://mdmme.weebly.com/
Fiare: http://www.fiare.org/
YProductions http://www.ypsite.net/
Juan Freire: http://www.juanfreire.net/
Andaime engheneria social e cultural: http://www.andaime.eu/
Feitoría Verde Educación e participación sociambiental: http://en.calameo.com/read/001102924354ec73dacad
Miguel Prado: http://www.verkami.com/projects/1292-nzmbe-grotesque-position
Planteta Namec: http://www.facebook.com/pages/ENCONTROS-OFF/206065066125124#!/planetanamec
Escoitar.org: http://escoitar.org/
Traspediante: http://traspediante.blogspot.com/
Habitat Social Cooperativa Galega http://www.habitatsocial.coop/presentacion.html
Un couce á saia: http://uncouceasaia.wordpress.com/gobernanza-politica-e-o-sistema/economia/
GZImaxinaria cooperativa: https://n-1.cc/pg/groups/1106318/gzimaxinariainfo/
Hedonistas: http://hedonistas.net/
Licenciada Sotelo & Compañía: http://www.planocio.com/evento/18553/Licenciada-Sotelo–Compania-Usted-esta-aqui-en-Santiago-de-Compostela-del-10-Febrero-2012-al-11-Febrero-2012

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s