Archivo por meses: junio 2010

Evasión ou Vitoria

INVITACIÓN  E PROPOSTA DE IMPLICACIÓN.
EVASIÓN OU VITORIA. BALEIRO + CULTUREWORKERS

Moi boas!

Desde Baleiro (un local e un grupo de xente adicados á investigación en cultura contemporánea) e Cultureworkers (intervencións culturais colectivas) estamos a traballar nunha idea que poida que sexa do voso interese.

Evasión ou Vitoria é o nome que lle demos a un proxecto que quere servir de canle de comunicación entre colectivos que, coma vós, estades a enriquecer o panorama cultural galego con propostas diversas.

A idea é experimentar cunha estrutura que nos sirva a todos para cruzar coñecementos sobre problemáticas que afectan aos nosos diferentes campos de acción. Tentamos afastarnos dos formatos habituais de encontro (foros, festivais, feiras, …) e pensamos en armar unha especie de ‘taboleiro de xogo’ que nos force a manter un contacto estable e ao mesmo tempo flexible entre as forzas da ‘cultura de base’ en Galicia. Evasión ou Vitoria será unha serie de ‘eventos culturais’ con periodizidade mensual pero cuxa programación se asumirá de maneira rotativa polos diferentes grupos implicados. Cada colectivo decidirá o lugar, a forma e os contidos do seu evento segundo unhas determinadas ‘regras’ ou ‘coordenadas’, e contando sempre coa presenza, como público participante, do resto dos equipos.

Se vos interesa coñecer máis sobre esta proposta poñédevos en contacto con nós!

Evasión ou vitoria conta co apoio, ata novembro, da Vicerreitoría de Cultura da USC.